Cuarteto Quiroga

Manuel Quiroga Losada (1892-1961)

Manuel Quiroga

O violinista pontevedrés Manuel Quiroga Losada nace o 15 de abril de 1892 na céntrica rúa dos Comercios daquela cidade galega, hoxe Rúa Manuel Quiroga. Foi a sensibilidade do seu pai e os primeros estudos de violín do seu irmán Carlos os que despertan o seu talento e o levan a Madrid primeiro e a París despois, onde estuda cos mestres José del Hierro (en Madrid ata 1909) e, xa en Francia, con Edouard Nadaud e Jacques Thibaud. En París, e no seu Conservatorio (centro  de referencia na época), coñece a Goerge Enesco a EugéneYsaÿe e ao seu admirado Frtiz Kreisler, quen formaría parte do Xurado que, baixo a presidencia de Gabriel Fauré e integrado ademais por Lucien Capet, Martin Marsick, Jules Boucherit, Jacques Thibaud, Hayet e Geloso, concederían ao mozo Quiroga (en xulio de 1911, tan só con 19 anos) o 1º Premio de Violín do Conservatorio de París, o primeiro español que o obtén despois de Pablo Sarasate. Le Monde Musical destaca o acontecemento afirmando que “Sarasate non morreu, pois ten un continuador en Quiroga”. Del fanse eco tamén xornais como Le Matin, Le Figaro ou Le Journal. Seguidamente obtén outros premios como o Sarasate, o Jules Garcin e o Monnot (algún deles con dotación económica). Naqueles anos de formación coñece a quen será a súa pianista acompañante e tamén a súa compañeira, Marta Leman (tamén 1º Premio de piano do mesmo Conservatorio no mesmo ano), e numerosos músicos claves no panorama musical do momento: Falla, Turina, Casals, Nin, Ruiz Casaux, Cortot, Paul Paray o Darius Milhaud (quen obtén o accésit no Concurso gañado, entre 43 aspirantes, por Quiroga).
O recoñecemento que obtén a partir daquel momento e as xiras e concertos que dá ata a 1ª Guerra Mundial constitúen a súa consolidación como músico e virtuoso, frecuentando San Sebastián, Pontevedra (onde dá un concierto acompañado ao piano por Enrique Granados), Francia, diversos puntos de España (chamado polas sociedades filarmónicas), o que aproveita para divulgar, á parte do repertorio clásico, a obra de Sarasate e as transcricións do seu admirado Kreisler. A finais de 1913 firma o seu primeiro contrato cun promotor e axente internacional (J.J. Schürmann), representante tamén de Kubelik, Paderewski, Isadora Duncan, etc. Unha xira europea, acompañado de José Iturbi, a súa detención en Austria (acusado de espionaxe) despois do comenzo da Gran Guerra e a súa volta a Francia (grazas á mediación de Alfonso XIII) lle permiten dar o primeiro salto a América e comeza por Nova York, unha vez cancelados parte dos conciertos da xira europea. En 1917 volve a París onde se instala a vivir coa súa xa esposa, Marta Leman. Finalizada a guerra, volve ás salas de concertos e visita Portugal, Galicia e as principais cidades españolas, destacando o seu debut no Palau da Música Catalana de Barcelona. En 1919 e 1920 (concerto no Wigmore Hall de Londres) entra en contacto por vez primeira co público británico, recibindo moi boas críticas de músicos como da chelista Guilhermina Suggia, quen destaca a “marabillosa e acabada” interpretación do Trino do Demo, de Tartini. Ata 1924 Inglaterra, Escocia, Francia, Alemaña, Portugal, Suiza, Bélxica (concertos con Ysaÿe en Bruselas) e España protagonizarán as súas xiras, acompañado de Marta Leman, de Paul Paray ou de Juan José Castro. Igor Stranvisky, que o escoita, confesa ao director Wladimir Golschmann a súa admiración por Quiroga. Compositores como E. Naudet, Roger Penau, J. Arnay y Samuel Rousseau escriben obras para el. En 1924 volve a USA e  preséntase xa no Carnegie Hall de Nueva York. Volve a Europa para tocar coa London Symphony Orchestra, baixo a batuta de Sir Thomas Beecham, e dá concertos tamén en Bélxica e España. Finalmente en 1926 recorre hispanoamérica (Argentina y Uruguay) tocando cun Stradivarius de 1713 (cedido por J. J. Wallen). En 1928 encontrámolo novamente en Nova York, onde o mecenas J. Wanamaker lle cede un Guarnerius del Jesu para o seu concerto no Auditorio do mesmo nome. Segue logo a La Habana e México. Instalado definitivamente en Paris, comeza a súa actividade fonográfica gravando coa Casa Victor e, fundamentalmente coa firma Pathé. O gobierno francés concédelle en 1931  a máis alta distinción (Cabaleiro da Lexión de Honor), e non recibe unha distinción semellante en España ata moitos anos máis tarde: A Encomienda de Alfonso X El Sabio. Ata que sufre en Nova York  o dramático atropelo que o invalida para a interpretación musical, cruza o Atlántico dúas veces máis: 1933 e 1937. Na última xira tocará como solista e coa Orquestra de Nova York, baixo a batuta de G. Enesco, así como varios concertos con Mischa Levitzki e José Iturbi. É precisamente despois de ir a despedir este pianista, que viaxaba a Filadelfia, cando ocorre o fatal accidente. Con 45 anos, a súa tenacidade lévao a intentar tocar en varias ocasions despois do sinistro, unha delas nun recital acompañado de Lucrecia Bori e Andrés Segovia. Tras a guerra civil española, só continuará coa súa actividade compositiva e gradualmente refuxiarase na pintura e na caricatura, coa que adornaba a súa correspondencia. Con grandes sufrimentos, un mal de Parkinson que o afectou posteriormente e os apuros económicos derivados dos gastos pola súa enfermidade, falecéu o 19 de abril de 1961, acompañado e consolado pola súa nova compañeira, María Galvani. O seu legado artístico (lenzos, debuxos, partituras orixinais dous dos seus violins, un Amati e un Lambert) está hoxe custodiado polo Museo Provincial de Pontevedra.

 

Os Violins De Quiroga

1.    Un Amati datado en 1684, que lle cede á idade temperá de 14 anos (1906) a familia Mugártegui de Pontevedra e que procedía dun agasallo recibido por esta familia no s. XIX por Isabel II.
2.    Un Guadagnini, adquirido por el.
3.    Un Stradivarius cedido pola viúva de Joachin Reifenberg.
4.    Un Stradivarius, de 1713, prestado por J. Jeannette Wallen, valorado en 11.000 $ (de 1926), que obriga a Quiroga a contratar un seguro por 44.000 francos Fr.
5.    Un Guarneri del Gesú, de 1737, cedido por John Wanamaker.

Copyright © 2008 Cuarteto Quiroga. Site by Gatonegro deseño.
All rights reserved. The photographic, fonographic and other material in this site may not be reproduced unless otherwise stated.